O Valedor encargou unha peritaxe á Universidade de Santiago na fase final da súa investigación acerca da incidencia ambiental da explotación mineira de Corcoesto

18 de Maio do 2013
O alto comisionado parlamentario tramitou  16 queixas en relación á explotación mineira. Nas máis recentes os cidadáns amosan a súa preocupación sobre a contaminación do río Anllóns. O Valedor do Pobo decidiu encargar a investigadores da Universidade de Santiago unha peritaxe propia en relación a este aspecto ambiental.
Santiago de Compostela, 17 de maio de 2013.  As investigacións abertas pola oficina do Valedor do Pobo en relación á incidencia ambiental que a mina de Corcoesto, no Concello de Cabana de Bergantiños, entran na súa fase final. Tras ter tramitado 16 queixas presentadas por cidadáns en relación aos múltiples prexuízos que a explotación vai ocasionar a esta comarca, o defensor dos galegos encargou unha peritaxe propia a investigadores da Universidade de Santiago acerca da posible incidencia que na contorna poderían ocasionar elementos contaminantes.

Ata o momento,  o Valedor do Pobo admitiu a trámite un total de 16 queixas presentadas por cidadáns a instancia de parte. Nelas estudiáronse diferentes aspectos relacionados coa incidencia que a mina vai ocasionar nesa zona. No que vai de ano formuláronse xa resolucións á administración en relación a este problema.

O último Informe Ordinario do Valedor do Pobo que recolle a actividade despregada ata o 31 de decembro de 2012 inclúe catro críticas expresas ao desenvolvemento do proxecto, que gardaron relación co obxecto das primeiras reclamacións recibidas. De feito, a institución tomou nota e activou os seus mecanismos para instar a corrixir, entre outros aspectos, as consecuencias sociais da mina nun contorno humanizado, a afectación arqueolóxica da mesma, a deficiente avaliación de impacto ambiental da actividade e mesmo a contaminación e mala xestión dos residuos.

Acerca deste último aspecto, a posible contaminación da contorna e a mala xestión dos residuos resultantes da actividade, e tendo en conta que informes coñecidos resultaron contraditos polo departamento competente da Xunta, o Valedor do Pobo encargou recentemente unha peritaxe propia a investigadores da Universidade de Santiago co fin de contrastar os datos recibidos ata o momento e poder facer unha valoración e dar resposta aos cuidadáns.

As actuacións do alto comisionado en relación á repercusión á explotación mineira de Corcoesto instensificáronse nos últimos meses. De feito foi neste principio de ano cando se deu trámite a maior parte das queixas promovidas polos cidadáns. O Valedor, ademáis, recibiu unha iniciativa da empresa promotora da explotación, que resultou inadmitida e respondida co rexeitamento das súas pretensións.

A Plataforma pola Defensa de Corcoesto valorou publicamente as actuacións do Valedor do Pobo. Tamén a Defensora del Pueblo se interesou por coñecer as repercusións ambientais da explotación de Cabana de Bergantiños, aínda que no seu “Informe Ordinario a las Cortes” entregado este principio de ano, non fai aínda referencia algunha a este problema.